Un curso máis, e xa van doce, celebramos no CIFP a Mostra de Entroido. Esta XII edición está dedicada ao Folión de Mormentelos de Vilariño de Conso, e contará coa habitual recepción no salón de actos polos Xenerais da Ulla, que farán de anfitrións cos seus vivas aos Boteiros, que veñen cargados das súas “bombas”, ritmos e danzas. Posteriormente, percorreremos os centros educativos da aldea de Lamas de Abade ao son do Folión de Mormentelos e o Abadiño Son.
Estes días previos e posteriores á Mostra, contaremos na entrada do CIFP Compostela cunha exposición cedida pola Asociación de Entroido de Angrois e máis outra sobre entroidos galegos organizada polo alumnado de 1º de Preimpresión Dixital. Estas exposicións serán dinamizadas polo alumnado de 2º de Aloxamentos turísticos para os escolares da zona pero estades convidadas e convidados a visitalas. Seguindo co aproveitamento didáctico deste feito cultural, o alumnado de 2º de Integración Social puido explorar fórmulas de dinamización e participación con diversos grupos, así como o alumnado de 1º de Educación Infantil interactuar coas crianzas da EI Raiola e do CEIP Lamas de Abade.
Convidamos á participación de toda a comunidade educativa este venres 21 de febreiro a partir das 11:00 cos traxes de Boteiro elaborados ou facendo parte da Confraría do señor Abade.
Para poder seguir o evento desde as aulas habilitararase este enlace que retransmitirá en streaming de 10:00 a 11:00 streaming.eis.gal
Para o escaso espazo dentro do Salón de Actos, que será de 10:00-11:00 terán prioridade de entrada os grupos participantes nos obradoiros.
Que viva o entroido vivo!
Non deixedes de visitar as exposicións temáticas na entrada do edificio principal.
Comentarios
Publicar un comentario