Bibliotecas Escolares Inclusivas e Solidarias no século XXI
#CAFI_IncluÍDAS e Biblioteca Escolar
Resumo do contido:
As bibliotecas escolares inclusivas e solidarias do século XXI promoven a
diversidade e a participación activa da comunidade educativa. O programa de
formación para o profesorado #CAFI_IncluÍDAS é unha iniciativa destacada que
busca fomentar a inclusión educativa,abordando estratexias e indicadores de
calidade das políticas e prácticas de inclusión.
A experiencia do CIFP Compostela destaca a importancia de
transformar as bibliotecas en espazos de encontro e aprendizaxe, abordando
problemáticas sociais e contribuíndo á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento
Sustentable.
Palabras
Claves: inclusión, formación, ODS, biblioteca solidaria, Erasmus+
DATOS DA AUTORA:
Mercedes Teijeiro Gato
Profesora de inglés e coordinadora da Biblioteca Escolar
CIFP Compostela. Santiago de Compostela. A Coruña
Contextualización
No
século XXI, as bibliotecas escolares enfróntanse ao desafío de adaptarse a unha
sociedade cada vez máis diversa e tecnolóxica. A inclusión e a solidariedade
convertéronse en piares fundamentais para garantir que todos o estudantado teña
acceso equitativo aos recursos educativos e culturais. As bibliotecas escolares
non só deben ser espazos de aprendizaxe, senón tamén lugares onde se fomente a
igualdade, a diversidade e a participación activa de toda a comunidade
educativa.
Os
principais obxectivos das
bibliotecas escolares solidarias e inclusivas son:
Garantir o acceso
igualitario aos recursos informativos e culturais para todo
o alumnado, independentemente das súas capacidades, orixe ou situación
socioeconómica.
Fomentar a
diversidade e o respecto polas diferenzas, promovendo a convivencia
e a empatía entre a comunidade educativa.
Impulsar a
participación activa da comunidade
educativa na vida da biblioteca, creando un espazo de encontro e colaboración.
Para
acadar estes obxectivos, as bibliotecas escolares deben contar cunha serie de recursos:
Coleccións diversas
e accesibles, que inclúan materiais en diferentes formatos
(libros, audiolibros, materiais dixitais, materiais sensoriais) e en varios
idiomas.
Tecnoloxía adaptada,
como lectores de pantalla, lupas electrónicas e software de accesibilidade,
para garantir que todo o estudantado poda utilizar os recursos da biblioteca.
Formación continua para
o profesorado do equipo da biblioteca.
Biblioteca escolar inclusiva
A Asesoría de Bibliotecas Escolares, no contexto do Plan LIA, leva anos
traballando desde una perspectiva inclusiva, impulsando programas para fomentar
o cambio de actitudes nas liñas de traballo desde os equipos de bibliotecas
escolares como o programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
no contexto do Plan LÍA(Lectura, Información e Aprendizaxe) 2016-2020 de Bibliotecas Escolares que desenvolveu algunhas das liñas
contempladas no desafío número tres deste Plan.
No presente curso escolar o Centro Autonómico de Formación e Innovación(
CAFI) ofertou numerosas formacións en materia de inclusión educativa e
recentemente puxo en andamento o curso A biblioteca escolar como centro inclusivo
das aprendizaxes.
Participación no proxecto #CAFI_IncluIDAS
Do 7 ó 11 de abril de 2025 participei nun curso de formación sobre
inclusión educativa: A diversidade e inclusión nas escolas: Estratexias e
indicadores da calidade das políticas e prácticas de inclusión na Facultade de Psicoloxía e de Ciencias da
Educación da Universidade do Porto en Portugal.
A actividade está enmarcada dentro do proxecto Erasmus + incluIDAS en torno á educación inclusiva, abordada desde o traballo colaborativo de tres colectivos (persoal docente, inspector e asesor).
- Curso 2024-25: dimensión global
- Curso 2025-26: dimensión dixital
- Curso 2026-2027: dimensión comunicativa
- Curso 2027-2028: escolla entre as dimensións
A duración do proxecto é para catro cursos académicos.
Empregamos como ferramenta de colaboración o
portafolios dixital, onde visibilizamos os fitos acadados ao longo da duración
do proxecto. Estes fitos estarán relacionadas cada ano cunha temática:
Foron días de intensa formación teórica e onde tamén tivemos a
oportunidade de visitar o Agrupamento de Escolas do Cerco do Porto, modelo de
boas prácticas, e participar nas actividades da xornada cultural que estaban a
celebrar.
Os equipos das bibliotecas escolares galegas levamos xa unha boa andaina
tentando por en practica moitas das metodoloxías e liñas de traballo que nos
presentaron como modelos de boas prácticas nas formacións recibidas,na primeira
fase do proxecto, en Santiago de Compostela,Desenvolvemento de habilidades e
competencias necesarias para unha práctica educativa inclusiva, Galicia e
no curso de na universidade do Porto, Portugal.
Biblioteca
escolar solidaria
A biblioteca do CIFP Compostela está comezando a formar parte da vida do
centro escolar. Durante anos, os libros e materiais estiveron pechados baixo
chave e practicamente convertida nun almacén de diversos materiais. Durante a
pandemia foi reconvertida en comedor escolar e por fin, no ano 2022, comezouse
un proceso de renovación e actualización no que aínda estamos mergulladas. Ese
mesmo ano, comezamos a formar parte do PLAMBE.
O equipo da biblioteca do CIFP Compostela pretende ser o eixe vertebrador
entre todos os departamentos didácticos para traballar de xeito transversal e
colaborativo.
A Biblioteca concíbese como un espazo de encontro e aprendizaxe, que non
só busca promover a lectura, senón tamén abordar problemáticas reais que
afectan á comunidade educativa e contribuír así á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable
(ODS) establecidos pola ONU na súa Axenda 2030.
Formamos parte do programa de bibliotecas escolares solidarias e contamos
co programa de voluntariado escolar.
Obtivemos o Selo de Biblioteca Escolar Solidaria o pasado curso
2023-2024 , un recoñecemento ás bibliotecas que traballan de forma salientable
a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural e social
entre todas as persoas integrantes da comunidade
escolar e o traballo das comunidades educativas a prol dunhas bibliotecas
escolares atentas ás necesidades de toda a comunidade escolar e ás súas
familias, en materia de lectura e de acceso ao coñecemento. Coa axuda ecómica
recibida, aumentamos a colección de libros de Lectura Fácil e humanizamos máis
o espazo da biblioteca .
Exemplos de actividades realizadas:
Fomento da lecto-escritura
Club de lectura
Caldo de Gloria : Mediación lectora no CIFP Compostela
Concursos de escritura creativa: Invitación ao estudantado a expresar as súas reflexións a través da escritura e promover a educación para a paz: Microrelatos sobre os conflitos bélicos II
Realización de guías dixitais para reflexionar sobre outras culturas
Difusión da plataforma de préstamos dixital E-LBE.2 e as accións formativas que oferta entre toda a comunidade educativa
ALFIN e AMI
A biblioteca do
CIFP Compostela forma parte do plan dixital do centro desde o curso 2024-2025 e
entre as súas liñas prioritarias, pretende ofertar formación a toda a
comunidade escolar en Información Mediática e Informacional a toda a comunidade
escolar según as necesidades detectadas en cada curso académico.
Información Mediática e Informacional: Celebración da semana AMI
Obradoiro práctico Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais impartido pola AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) dirixido ó alumnado da FP Básica.
Obradoiro sobre selfies, retratos e feminismos
Sensibilización sobre problemas sociais
Charlas,conferencias
e encontros con escritoras: Invitación a persoas expertas para abordar
diferentes temáticas de interese como a igualdade de xénero, a loita contra o
cambio climático e os dereitos humanos, entre outros.
Proxeccións de
documentais: Exhibición de documentais que visibilicen problemáticas sociais e
promovan a reflexión e o debate.
Exposicións
temáticas: Montaxe de exposicións que aborden aspectos relacionados cos ODS,
con información relevante e propostas de acción.
Colaboración na organización do mercado sostible de Nadal: O curruncho do Apalpador
Colaboración coa comunidade educativa
Formación de persoas usuarias da biblioteca ó inicio do curso escolar. Organización de microvisitas para dar a coñecer o espazo á comunidade educativa no Día da Biblioteca
Programa de Voluntariado
na Biblioteca escolar: Ofrecemento de oportunidades para que o alumnado
participe no programa de voluntariado da biblioteca escolar implicándose tanto
en tarefas de deseño e xestión como no coñecemento da temática e problemática
relacionada cos ODS e a proposta de actividades a realizar.
Obradoiros para mellorar a competencia comunicativa do alumnado: Obradoiros de expresión oral
Desenvolvemento de talleres prácticos onde se aborden estratexias para promover a solidariedade e a inclusión no ámbito escolar e comunitario entre as diferentes familias profesionais do CIFP Compostela: Preparación do Entroido do Lamas
Asesoramento ás
persoas que precisan axuda coas TICS para solicitar a acreditación de
competencias no noso centro e no proceso de matrícula de inicios de curso.
Encontros cos centros da contorna: Día Mundial da Literatura Infantil e Xuvenil
Traballo
interdepartamental. Estreita colaboración co cordinador do Equipo de
Dinamización da Lingua Galega, Serxio Carreira Trigo, para realizar unha
programación conxunta e minimizar esforzos na celebración anual da Festa das
Letras Vivas: A voz de Morgana,
teatro, coa actriz Mónica Camaño.
Vídeo poema Delincuente de Nuria Vil
A actividade máis exitosa deste curso foi a proposta do alumnado do Programa de Voluntariado na Biblioteca Escolar “O CIFP Compostela en viñetas” para a realización dun mural no centro con representación de todas as familias profesionais desde una perspectiva inclusiva: Mural realizado pola artista Ana Santiso.
Actividades e accións futuras
Na nosa liña de traballo futura tentaremos continuar coa adaptación dos
espazos para poder atender a todas as necesidades da comunidade educativa:
colocación de sinalización en alfabeto Braille, adaptar as publicacións da biblioteca a formatos e tipos de letra máis inclusivos, adquisición de materiais en
formatos multisensoriais e colaboración no vindeiro curso 2025-2026 co proxecto
iniciado pola nosa compañeira Joaquina Alonso Castro para dinamizar a aula
multisensorial do CIFP Compostela.
Conclusións
As bibliotecas escolares solidarias e inclusivas son esenciais para
construír unha sociedade máis xusta e equitativa. A través de actividades que
fomenten a diversidade e a participación, estas bibliotecas poden converterse
en espazos de encontro e aprendizaxe para toda a comunidade educativa. No
século XXI, é fundamental que as bibliotecas escolares se adapten ás
necesidades de toda a comunidade escolar, garantindo que ningunha persoa quede
atrás no seu proceso de aprendizaxe e desenvolvemento persoal.
A través de iniciativas como o proxecto de
formación para o profesorado #CAFI_IncluÍDAS e a renovación das bibliotecas
escolares, estanse a crear espazos que non só fomentan a aprendizaxe, senón que
tamén abordan problemáticas sociais e contribúen aos Obxectivos de Desenvolvemento
Sustentable.
A experiencia
do CIFP Compostela demostra que, con esforzo, medios, orzamento e colaboración,
é posible transformar as bibliotecas en centros de encontro e aprendizaxe, onde
se promova a lectura, a inclusión e a solidariedade. As actividades
desenvolvidas, desde clubs de lectura ata obradoiros sobre igualdade de xénero
e sustentabilidade, son exemplos claros de como as bibliotecas poden influír
positivamente na comunidade educativa.
En definitiva,
as bibliotecas escolares do século XXI deben continuar adaptándose ás
necesidades cambiantes da sociedade, garantindo o acceso equitativo aos
recursos e fomentando a participación activa de todo o estudantado e da
comunidade escolar en xeral. Só así poderemos construír unha educación máis
inclusiva e solidaria, que prepare ás novas xeracións para os desafíos do
futuro.